Friday 01 de November de 2024

O Concello de Frades crea un servizo gratuíto de préstamo de axudas técnicas


Poderán optar a estas axudas as persoas cunha discapacidade ou dependencia recoñecida e cuns ingresos inferiores ao 150% do IPREM

O Concello de Frades vén de poñer en marcha un servizo gratuíto de préstamo de axudas técnicas para a mobilidade dirixido a persoas cunha discapacidade ou dependencia recoñecida e uns ingresos inferiores ao 150% do IPREM. Estas persoas poderán acceder de forma gratuíta a un catálogo inicial de produtos que inclúe: camas articuladas, cadeiras de rodas, andadores e guindastres para levantar ou pousar ás persoas.

O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, explica que “o obxectivo deste novo servizo é mellorar o benestar físico, persoal e social destas persoas que non dispoñen dos recursos económicos necesarios para acadar unha maior autonomía persoal. O que buscamos é facilitarlles un pouco o seu día a día tanto a elas como as persoas coidadoras”. Un servizo que se une ao de servizo de axuda no fogar, teleasistencia, podoloxía, fisioterapia, bono-taxi ou perruquería a domicilio que xa oferta o concello fradense.

Requisitos

Poderán acceder a este servizo aquelas persoas que padezan de limitacións funcionais graves ou que por motivos temporais teñan reducida a mobilidade (por ter, por exemplo, sufrido un accidente ou unha operación) e precisen de axudas técnicas para mellorar a súa capacidade funcional. Ademais de estar empadroada en Frades, a persoa non deberá ter acceso á prestación de axudas técnicas por ningún outro medio (como o SAF da Mancomunidade de Ordes) e a súa renda per cápita da unidade familiar non debe superar o 150% do IPREM.

O servizo de préstamo será de 18 meses, salvo casos excepcionais como falecemento ou solicitude de baixa por parte da persoa usuaria, uso indebido da asistencia técnica ou perda dos requisitos de acceso ao servizo. A aprobación do servizo concederase segundo a orde de recepción das solicitudes. O material será achegado por unha empresa especializada de Ordes, que gañou o proceso de licitación.

Roberto Rey indica que “inicialmente, ofrecemos acceso a camas articuladas, cadeiras de rodas e guindastres, se ben estamos abertos a achegar calquera outra axuda técnica que conte con informe favorable dos Servizos Sociais municipais”. Para solicitar as axudas é preciso presentar fotocopia do DNI ou tarxeta de residencia de todos os integrantes da familia, certificado de empadroamento (cun mínimo de 6 meses de antigüidade), documentación que acredite o grao de discapacidade/dependencia ou informe médico xustificativo e documentación xustificativa da renda económica da unidade familiar.

En 2021, o Concello de Frades aprobara nestas mesmas datas unhas achegas económicas de 40.000 euros para axudas técnicas e eliminación de barreiras arquitectónicas dirixidas a persoas en situación de dependencia e/ou discapacidade. Dúas liñas de subvencións para as que o Concello de Frades destinou 40.000 euros.